Axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader (Feader-PEPAC 2023-2027). Prazo: 02-04-2026

Data: 

martes, 3 Febreiro, 2026 (Todo o día) a xoves, 2 Abril, 2026 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección, do 17 de decembro de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), e se anuncia a convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MR701L).

BDNS (Identif.): 883744.

Obxecto

O obxecto é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), así como convocar as correspondentes ao ano 2026.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, en concreto: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores; as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

– Non estar incursas en ningún dos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

– Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co Mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para as entidades beneficiarias das axudas a proxectos non produtivos regulados no artigo 16 das bases reguladoras das axudas.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 28.750.000,00 euros, que se financiarán con cargo ás partidas orzamentarias 15.A1.712A.760.00, 15.A1.712A.770.00 e 15.A1.712A.781.00 (código de proxecto 2024-00008) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

2026: 2.875.000,00 €.

2027: 11.500.000,00 €.

2028: 14.375.000,00 €.

Este crédito está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 16 % por fondos da Administración xeral do Estado e nun 4 % por fondos propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Outros datos

As axudas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable, e calcularase sobre os custos subvencionables, tendo en conta a porcentaxe de axuda que resulte da aplicación ao proxecto dos criterios de selección establecidos por cada grupo de desenvolvemento rural. A contía máxima da axuda será de 200.000,00 euros por proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG do Acordo do Consello de Dirección, do 17 de decembro de 2025, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas que se tramiten ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do PEPAC 2023-2027, así como convocar as correspondentes ao ano 2026.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai equivalencia ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 883744): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/883744

-Na Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Descargas: