AXUDAS PARA A CREACIÓN DE SUPERFICIES FORESTAIS, COFINANCIADAS CO FEADER NO MARCO DO PROGRAMA DE DESENVOLVEMENTO RURAL DE GALICIA 2014-2020. PRAZO: 28-05-2018

Data: 

venres, 27 Abril, 2018 (Todo o día) a luns, 28 Maio, 2018 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural 

Orde do 17 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. BDNS (Identif.): 394927.

Obxecto

-Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MR670B).

-As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo I desta orde (coníferas).

b) Axudas á primeira forestación de terras non agrícolas con especies do anexo II desta orde (frondosas).

-Os traballos solicitados non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 21 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.

Beneficiarios

1. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, sen que se admita a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CMVMC) que cumpran o establecido no punto 1.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, como moi tarde o día en que remate o prazo de presentación da solicitude da axuda. Así mesmo, deberán ter presentadas as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos no prazo establecido no capítulo III do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

Tipos de superficies obxecto de axuda

1. Poderán ser obxecto de axuda as actuacións naqueles terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:

– Forestal (FO).

– Pasto con arboredo (PA).

– Pasto arbustivo (PR).

2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en todo caso, e no establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e a normativa de desenvolvemento.

3. A superficie de actuación será a suma da superficie de forestación máis a superficie da área de defensa.

4. Non se concederá axuda sobre parcelas situadas en hábitats definidos como prioritarios pola Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

5. A cualificación urbanística das parcelas que se vaian forestar deben admitir as actuacións polas cales se solicita axuda.

Importe

As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2018 e 2019, con cargo ao código de proxecto 13.02.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 7.000.000 de euros (2.000.000 de euros no ano 2018, e 5.000.000 de euros no ano 2019).

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: