AXUDAS PARA Á CONSERVACIÓN, RECUPERACIÓN E REHABILITACIÓN DO PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL E Á SENSIBILIZACIÓN ECOLÓXICA NA REDE DE RESERVAS DA BIOSFERA DE GALICIA. PRAZO: 05-03-2021

Data: 

sábado, 6 Febreiro, 2021 (Todo o día) a venres, 5 Marzo, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

ORDE do 19 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT724A). BDNS (Identif.): 547472.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento administrativo MT724A) das axudas recollidas no número 1.f) do artigo 20 do Regulamento 1305/2013 (UE) do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); axudas establecidas no marco da operación 7.6 do PDR de Galicia para o período de programación 2014-2020, cuxa denominación é «Estudos e investimentos vinculados á conservación do patrimonio cultural, natural e sensibilización ecolóxica».

A finalidade desta orde é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera.

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia (anexo VII que acompaña esta orde):

a) Reserva da biosfera Terras do Miño (Lugo).

b) Reserva da biosfera Área de Allariz (Ourense).

c) Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo).

d) Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña).

e) Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón (Lugo, compartindo territorio co Principado de Asturias).

f) Reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés (Ourense, trasfronteiriza con Portugal).

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais e as mancomunidades de concellos.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 600.000 euros para o ano 2021.

2. O importe máximo subvencionable será de 30.000 euros/proxecto.

Actividades subvencionables

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades.

a) Restauración de ecosistemas naturais, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica.

b) Proxectos de creación, mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza.

c) Proxectos de sinalización (en relación cos plans de xestión dos espazos naturais ou da vida silvestre, como sinalización de zonas de caza ou pesca).

d) Proxectos de creación e mellora de sendas peonís e pasarelas.

e) Proxectos de creación de refuxios de pesca (en relación cos plans de ordenación piscícola).

f) Proxectos de conservación do patrimonio inmaterial (etnobotánica, folclore, música, etnoloxía, etc).

g) Realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e dos seus hábitats.

h) Campañas de concienciación ambiental.

i) Actividades de información e/ou sensibilización para a conservación do patrimonio natural (charlas, xornadas informativas, exposicións, actividades interactivas, etc.)

2. Poden ser obxecto de axudas, sempre que se enmarquen nunha das actividades anteriores:

a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

b) Compra ou arrendamento con opción de compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor do mercado do produto.

c) Custos xerais vinculados ao investimento: honorarios de asistencia en arquitectura, enxeñaría e asesoramento en xeral.

d) Honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: