Data:
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
ORDE do 9 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, e se convocan para o ano 2015.
Obxecto
1. O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora.
2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia polo sistema de rateo, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, son de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os concellos, propietarias das árbores incluídas no anexo I ou formacións incluídas no anexo II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e sempre e cando estas árbores e/ou formacións estean incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.
2. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cando unha mesma persoa ou entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude que abranguerá todas as árbores e/ou formacións para as que se solicita a axuda.
3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou que foran sancionadas por infraccións ao Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.
Actividades subvencionables
1. As actividades que poden ser obxecto de axuda, en relación coas árbores e formacións senlleiras incluídas nos anexos I e II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e que estean validamente inscritas no Catálogo galego de árbores senlleiras, consonte os preceptos establecidos no capítulo II do devandito decreto, con anterioridade á entrada en vigor desta orde, son as seguintes:
a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa.
b) Realización de estudos.
c) Aplicación de tratamentos fitosanitarios.
d) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno.
e) Elaboración de materiais divulgativos.
f) Sinalización.
g) Creación, mantemento e conservación de accesos relacionados co réxime de uso público.
2. En ningún caso se outorgarán axudas para:
a) O IVE.
b) Aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.
c) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan poñer en perigo os valores que xustificaron a especial protección das árbores ou formacións senlleiras e a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Importe das axudas
1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, fixándose un importe máximo de 6.000 euros de axuda por árbore e 12.000 euros de axuda por formación.
2. Se por causa xustificada o importe final dos gastos fose menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.
3. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.
4. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao contido dela.
5. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.
6. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.
Prazo
O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 70 | 959.22 KB |