Data:
Augas de Galicia
RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de equipamentos de medida do caudal subministrado en alta por sistemas de abastecemento de auga potable de titularidade pública na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento administrativo AU301A). BDNS (Identif.): 558247.
Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal captado en sistemas de abastecemento de titularidade local da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento administrativo AU301A).
2. A finalidade das axudas é contribuír a que as entidades competentes xestionen os recursos hídricos coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos, as mancomunidades, os consorcios e outras entidades locais recollidas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, responsables de sistemas de abastecemento de auga potable que dean servizo a menos de 50.000 habitantes.
2. Para obteren a condición de beneficiarias, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:
a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
c) Se é o caso, ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio orzamentario antes da finalización do prazo de presentación da solicitude de axuda.
3. Para obteren a condición de beneficiarias, ademais do anterior, todas as mancomunidades e consorcios locais solicitantes deberán estar formalmente constituídos de acordo coa normativa vixente.
4. Se unha entidade local das previstas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia figurase en máis dunha solicitude, terase en conta a primeira solicitude correctamente presentada. As sucesivas solicitudes quedarán en reserva e poderán ser atendidas, se é o caso, segundo o previsto no artigo 5 desta resolución.
Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 11 de xaneiro de 2020 na adquisición e instalación de equipos de medición do caudal en sistemas de abastecemento en alta de auga potable de titularidade pública.
O abastecemento de auga en alta ou adución inclúe a captación, o abrollamento e o represamento dos recursos hídricos e a súa xestión, incluído o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o almacenamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación.
2. Subvencionaranse tantos equipos como sexan necesarios para medir o caudal en alta do sistema, ou a existencia de perdas ou fugas, coa única limitación do importe máximo por solicitude establecido no artigo 6.
Para ser subvencionables, as actuacións deberán incluír equipos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga. No caso de sistemas con varios puntos de captación, poderá instalarse un único equipo que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes.
Os equipos subvencionados poderán ser caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, sempre que estean homologados para o uso ao que van destinados de acordo á normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía. A súa instalación realizarase de acordo coas recomendacións do fabricante recollidas no certificado de homologación e, na medida do posible, permitirá a realización de medidas de contraste para comprobar o seu funcionamento, ben sexa a través dun tramo recto para o uso de equipos de ultrasóns non intrusivos ou deixando tomas para a inserción de sondas electromagnéticas ou ultrasónicas.
3. Cando a entidade local preste o servizo a través dunha entidade concesionaria, organismo autónomo local, entidade pública empresarial ou sociedade mercantil local, non serán subvencionables aquelas actuacións incluídas nos plans de investimentos ou mellora aos que estean obrigados esas entidades concesionarias, ou nas súas obrigas de conservación e substitución de infraestruturas.
4. Non serán subvencionables con cargo a esta axuda os gastos de execución doutras intervencións dirixidas á redución de perdas na rede, nin gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais, mesmo se calquera deles está relacionado coa compra ou coa instalación dos dispositivos subvencionados.
Importe
As axudas reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566. Subvencións de capital a corporacións locais, da entidade pública empresarial Augas de Galicia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a cincocentos mil euros (500.000,00 €).
O importe das axudas será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito referido no artigo anterior e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir (IVE incluído):
a) Quince mil euros (15.000 €) en entidades de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
b) Doce mil euros (12.000 €) en entidades de entre 10.001 e 20.000 habitantes.
c) Nove mil euros (9.000 €) en entidades de entre 5.001 e 10.000 habitantes.
d) Seis mil euros (6.000 €) en entidades de entre 2.001 e 5.000 habitantes.
e) Tres mil euros (3.000 €) en entidades de 2.000 habitantes ou menos.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de setembro de 2021.