AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CONCELLOS E ENTIDADES EN RESERVAS DA BIOSFERA DE GALICIA (PRTR Unión Europea-NextGenerationEU). PRAZO: 11-03-2022

Data: 

sábado, 12 Febreiro, 2022 (Todo o día) a venres, 11 Marzo, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724B). BDNS (Identif.): 609356.

Obxecto

O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724B) para a concesión de axudas de acordo co anexo IV, Criterios obxectivos de distribución territorial e bases reguladoras para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, do Acordo do 9 de xullo de 2021, da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4, Conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.

A finalidade desta orde é promover a conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural nas reservas da biosfera de Galicia. Forman parte desta rede as sete reservas da biosfera que teñen o seu territorio (total ou parcialmente) na Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Reserva da biosfera Terras do Miño (Lugo).

2. Reserva da biosfera Área de Allariz (Ourense).

3. Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo).

4. Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña).

5. Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón (Lugo, compartindo territorio co Principado de Asturias).

6. Reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés (Ourense, transfronteiriza con Portugal).

7. Reserva da biosfera Ribeira Sacra, Serras de Oribio e Courel (Lugo, compartindo territorio con Ourense).

Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do PRTR no marco do compoñente 4, investimento 2 e obxectivo 69.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) Os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia (anexo VI).

b) As seguintes persoas titulares propietarias de terreos: comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC).

c) Asociacións e ONG inscritas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia creado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro.

d) Entidades de custodia do territorio.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades validamente constituídas, debidamente inscritas no rexistro correspondente e con domicilio social en Galicia.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 3.219.172,00 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe mínimo para solicitar de 40.000,00 euros/solicitude e máximo 80.000,00 euros/solicitude para concellos (artigo 2, número 1.a), e de entre 10.000,00 e 25.000,00 euros/solicitude para o resto das beneficiarias (artigo 2, números 1.c), 1.b) e 1.d). Admitirase unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

Actividades subvencionables

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades:

a) Conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais:

1º. Conservación de hábitats terrestres e especies, incluídos inventarios de fauna e flora.

2º. Restauración de ecosistemas degradados e investimentos na creación e mellora de pequenas infraestruturas encamiñadas a unha mellora ambiental para favorecer a conservación da biodiversidade.

3º. Campañas anuais de avaliación e seguimento do estado de conservación dos hábitats.

4º. Eliminación e control de especies exóticas invasoras.

5º. Adecuación de tendidos eléctricos para evitar impactos paisaxísticos e sobre a biodiversidade.

6º. Mellora da conectividade, fomento de infraestruturas verdes.

7º. Xestión sustentable de ecosistemas forestais, entendéndose como tales, aqueles integrados por bosques de especies autóctonas tanto naturais como seminaturais.

8º. Estudos de valoración e pagamento por servizos ecosistémicos.

9º. Fomento de iniciativas de conservación de polinizadores.

10º. Actuacións que desenvolvan de maneira práctica os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) relacionados coa conservación da biodiversidade da Axenda 2030.

b) Fomento do desenvolvemento sustentable:

1º. Apoio ao asociacionismo local orientado a potenciar actividades que coincidan co obxectivo de conservación da biodiversidade das reservas da biosfera.

c) Apoio á sustentabilidade do turismo, mellora do patrimonio cultural e da paisaxe:

1º. Mellora da infraestrutura de uso público existente para o uso turístico.

2º. Sinalización de infraestruturas e puntos de interese ambiental conforme o manual de imaxe aprobado polo Comité Español do Programa MaB.

3º. Conservación e posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial, incluídos inventarios, relacionado coa conservación e mellora da paisaxe e os recursos naturais.

2. Só se admitirá unha solicitude e proxecto por solicitante. Atenderase, para efectos de solicitante, a un NIF único por entidade ou persoa.

3. Todas as solicitudes deberán incluír, polo menos, unha actuación das recollidas no número 1.a) deste artigo.

4. En ningún caso serán subvencionables actuacións ou actividades en zona núcleo que non sexan respectuosas coas finalidades e obxectivos dos espazos naturais protexidos que formen parte da devandita zona da reserva ou que poidan pór en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos respectando, en todo caso, as prescricións contidas na normativa de aplicación.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: