Data:
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Orde do 28 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento MT821A).
BDNS (Identif.): 804733.
Obxecto
O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento MT821A).
De acordo coa Lei 15/2002 pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no parque nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.
As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, e atenderanse criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo o establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
1. Entidades locais.
a) Os concellos situados na área de influencia socioeconómica do parque nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).
2. Entidades empresariais.
a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área, incluídas as empresas de inserción laboral (EIL) e de centros especiais de emprego.
b) As persoas empresarias que teñan a condición de autónomas ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:
1º. Cando a súa residencia e a súa actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do parque nacional.
2º. Cando residan na área de influencia socioeconómica do parque nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.
3º. Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica, pero veñan realizando no interior do parque nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.
3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do parque nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da illa de Ons e que estean ao día nas súas obrigas derivadas da súa concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do parque nacional.
4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do parque nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional, incluídos os centros especiais de emprego.
5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do parque nacional.
En ningún caso poderán ter a condición de persoas beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Contía
1. Crédito total da convocatoria: 140.810 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 10.000 €/proxecto no caso das persoas beneficiarias do artigo 2.1 e de 6.000 € no caso das persoas beneficiarias referidas no artigo 2.2, 2.3, 2.4 e 2.5 da orde de axudas.
3. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mesmo mes.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 804733): http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.