AXUDAS A ENTIDADES LOCAIS TITULARES DE BIBLIOTECAS E/OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS, INTEGRADAS NA REDE DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA. PRAZO: 13-02-2023

Data: 

venres, 13 Xaneiro, 2023 (Todo o día) a luns, 13 Febreiro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Orde do 2 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (código de procedemento CT235A). BDNS (Identif.): 669253.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A .Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2023.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c)Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. As ditas agrupacións deberán estar debidamente acreditadas e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde. Os concellos que se presenten en agrupación non poderán presentarse ademais de forma individual.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Imputación orzamentaria

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 200.000,00 euros.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

2. Este programa de axudas concederase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 350.000,00 euros.

3. Estes importes iniciais poden ser ampliados, en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Solicitudes e prazo

As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 669253): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

-Na web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.cultura.gal

Descargas: