Axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. Prazo: 30-01-2025

Data: 

martes, 31 Decembro, 2024 (Todo o día) a xoves, 30 Xaneiro, 2025 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975U).

BDNS (Identif.): 803723.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, para a mellora dos puntos limpos fixos, a adquisición de puntos limpos de proximidade, a adquisición de puntos limpos móbiles así como o fomento da preparación para a reutilización e a autorreparación (PxR), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975U).

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de entidade beneficiaria, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación da que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas nas que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 Crédito e contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00229) e 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00037) correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de dous millóns cincocentos sesenta e sete mil seiscentos tres euros (2.567.603,00 €).

2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo subvencionable. A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1: Melloras nos puntos limpos. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 150.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 200.000 €.

b) Liña 2: Adquisición puntos limpos de proximidade. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 35.000 €.

c) Liña 3: Adquisición puntos limpos móbiles. O importe máximo da subvención acadada por entidade non poderá superar os 90.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 120.000 €.

d) Liña 4: Construción instalación PxR e/ou Autorreparación. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 150.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 200.000 €.

3. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes de outras liñas nas que os fondos se esgotasen, sendo prioritarias as solicitudes correspondentes a liña 1, en segundo lugar as da liña 4, en terceiro lugar as da liña 2 e en último o lugar as da liña 3.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, a contar dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 803723): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

-Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Descargas: