Data:
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento MT210A). BDNS (Identif.): 547909.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable (procedemento MT210A), e facer pública a súa convocatoria para o ano 2021.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:
a) Estar adheridas formalmente ao Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía sustentable, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).
b) Non ter plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) presentado na web da Oficina do Pacto da Unión Europea.
No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora; o resto das entidades poderán continuar coa súa solicitude.
Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinados ás entidades locais municipais e supramunicipais, así como ás agrupacións de entidades locais, da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable. A realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do citado pacto. Nel tamén se comprometen a ter realizados os ditos plans no prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión da entidade ao Pacto dos alcaldes.
O PACES que se realizará debe conter:
a) Un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación;
b) Unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático;
c) As medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático. En relación coas medidas de adaptación, pódense incluír agora no documento do PACES ou incluílas máis tarde, seguindo o indicado na web europea do Pacto (catro anos desde a adhesión). Neste último caso, o concello incluirá no documento do PACES unha epígrafe referida as ditas medidas, indicando o prazo aproximado en que teñen previsto presentalas.
A entidade responsable comprometerase á elaboración, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado Informe de acción) sobre a implantación do PACES (anexo I). No caso de entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, a dita declaración responsable deberá ser presentada por cada un dos concellos participantes.
2. Unha vez redactado o PACES, este terá que estar aprobado polo pleno da corporación municipal e correctamente rexistrado, telematicamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina.
3. En caso de entidades locais supramunicipais e de agrupacións de entidades locais, o inventario de emisións deberá ser elaborado por cada un dos concellos participantes, pero a avaliación de riscos e a vulnerabilidade ante o cambio climático deberán ser realizadas para o conxunto dos concellos asociados.
Período subvencionable e prazo de execución
1. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 3 de decembro de 2021, ambos os dous incluídos.
2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.
3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados no período comprendido entre as datas referidas no punto anterior.
4. A data límite para executar o proxecto, así como para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, será o 3 de decembro de 2021.
Contía
As axudas reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541E.760.1 (código de proxecto 2017 00056 actuación 087.097), ata un importe máximo de cincocentos oitenta mil euros (580.000 €) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
A axuda económica que se conceda poderá acadar:
a) Para as entidades locais municipais: a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por concello segundo o indicado na seguinte táboa, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.
b) Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais: a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo que será a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, segundo o indicado na seguinte táboa.
Poboación dos concellos | Financiamento máximo |
Ata 2.000 habitantes | Ata 3.000 € |
De 2.001 a 5.000 habitantes | Ata 4.000 € |
De 5.001 a 10.000 habitantes | Ata 6.000 € |
De 10.001 a 20.000 habitantes | Ata 9.000 € |
De 20.001 a 50.000 habitantes | Ata 11.000 € |
De 50.001 a 100.000 habitantes | Ata 15.000 € |
Máis de 100.001 habitantes | Ata 20.000 € |
As actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.