Data:
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MT210A). BDNS (Identif.): 505471.
Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinadas ás entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía (procedemento MT210A), e facer pública a súa convocatoria para o ano 2020.
Serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) destinados ás entidades locais municipais e supramunicipais, así como ás agrupacións de entidades locais, da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. A realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia asinantes do citado Pacto. Nel tamén se comprometen a ter realizados os ditos plans no prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión da entidade ao Pacto dos alcaldes.
O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020, ambos incluídos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:
a) Estar adheridos formalmente ao Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).
b) Non dispor do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) nin redactado nin aprobado.
No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora, podendo continuar o resto das entidades coa súa solicitude.
Contía
As axudas reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.02.541E.760.1 (código de proxecto 2017 00056 actuación 087.097), ata un importe máximo dun millón de euros (1.000.000 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.
A axuda económica que se conceda poderá acadar:
a) Para as entidades locais municipais: a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por concello segundo o indicado na seguinte táboa, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo.
b) Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais: a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo que será a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, segundo o indicado na seguinte táboa.
Poboación concellos | Financiamento máximo |
Ata 2.000 habitantes | Ata 3.000 € |
De 2.001 a 5.000 habitantes | Ata 4.000 € |
De 5.001 a 10.000 habitantes | Ata 6.000 € |
De 10.001 a 20.000 habitantes | Ata 9.000 € |
De 20.001 a 50.000 habitantes | Ata 11.000 € |
De 50.001 a 100.000 habitantes | Ata 15.000 € |
Máis de 100.001 habitantes | Ata 20.000 € |
As actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.