AXUDAS ENCAMIÑADAS Á HABILITACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES EMPRESARIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 28-02-2022

Data: 

xoves, 27 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a luns, 28 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación 

Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B). BDNS (Identif.): 606968.

Obxecto

Mellora dos servizos e acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación, co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

Contía

Importe total da convocatoria: 3.250.000,00 €.

Intensidade das axudas: 80 % do importe total considerado como subvencionable, cun máximo de 120.000,00 € para as solicitudes individuais e de 138.000,00 € para as solicitudes conxuntas.

Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) Plantas de depuración de augas (a.1); os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, os colectores con vertedura á depuradora municipal (a.2),

b) Xestión de residuos dentro do parque empresarial,

c) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

d) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial.

e) Instalacións comúns de equipamentos e sistemas de protección destinados á loita contra incendios dentro do parque empresarial, incluídos no anexo I do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

f) Instalación de sistemas contra o roubo de cable dentro do parque empresarial.

g) Servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda. Así mesmo, non serán subvencionables gastos en materia de alumeado público (agás actuacións en materia de canalización incluídas no trazado da infraestrutura viaria proposta en proxectos da tipoloxía 3.1.c.), xardinería e mobiliario urbano.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde.

6. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación, sen prexuízo dos permisos, licenzas ou autorizacións que puidesen precisar.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da Orde do 27 de decembro de 2021 no Diario Oficial de Galicia.

 

 

Descargas: