AXUDAS ENCAMIÑADAS Á HABILITACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES EMPRESARIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 08-02-2021

Data: 

sábado, 9 Xaneiro, 2021 (Todo o día) a luns, 8 Febreiro, 2021 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN519B). BDNS (Identif.): 542662.

Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolveren a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionan ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2021.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) Plantas de depuración de augas (a.1); os proxectos poderán incluír ou ter como obxecto os colectores con vertedura á depuradora municipal (a.2).

b) Xestión de residuos dentro do parque empresarial.

c) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

d) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia dentro do parque empresarial.

e) Instalacións comúns de equipamentos e sistemas de protección destinados á loita contraincendios dentro do parque empresarial, incluídos no anexo I do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

f) Instalación de sistemas contra o roubo de cable dentro do parque empresarial.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán para efectos de investimento os gastos que se realicen en pagamento de taxas, licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda. Así mesmo, non serán subvencionables gastos en materia de iluminación pública (agás actuacións en materia de canalización incluídas no trazado da infraestrutura viaria proposta en proxectos da tipoloxía 3.1.c), xardinaría e mobiliario urbano.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente a que se refire o artigo 19.h) da presente orde.

6. Para seren subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000,00 euros para as solicitudes individuais e de 138.000,00 euros para as solicitudes conxuntas.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: