AXUDAS ENCAMIÑADAS Á HABILITACIÓN E MELLORA DE INFRAESTRUTURAS DOS PARQUES EMPRESARIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 25-04-2015

Data: 

xoves, 26 Marzo, 2015 (Todo o día) a sábado, 25 Abril, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 4 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (IN519B).

Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolveren a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionen ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2015.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos dentro do seu ámbito territorial de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais implantados no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuación:

a) A dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía dos cales derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético consonte o estado actual da técnica; os proxectos poderán incluír ou ter como obxecto a xeración de enerxía eléctrica mediante enerxías renovables como a fotovoltaica ou a minieólica, entre outras.

b) Novas estacións de depuración de augas (b.1); os proxectos poderán incluír ou ter como obxecto os colectores con vertedura á depuradora municipal (b.2).

c) Xestión de residuos.

d) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

e) Instalación de sistemas de seguranza e vixilancia.

f) Instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2015 e ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. As actuacións que se realicen ao abeiro da presente orde encádranse dentro do eixe 2, tema prioritario 08 (Outros investimentos en empresas), actuación 03 (Creación, mellora e ordenación de solo industrial) do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

6. Os gastos subvencionables ao abeiro da presente orde deberán axustarse ao disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Financiamento

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros por solicitude.

Para as solicitudes conxuntas, a contía porcentual máxima incrementarase nun 15 % con respecto ao caso xeral e cunha contía máxima de 180.000 euros por solicitude.

As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 57909.38 KB