Data:
Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 9 de agosto de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2024/25, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).
BDNS (Identif.): 781870.
Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).
Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.
O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025.
O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de xullo de 2025 pola totalidade do alumnado para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.
2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estadía na escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia (en diante, PAI) segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil 0-3 ou PAI durante un máximo de 8 horas e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor, as actividades extra á atención educativa, os materiais e calquera outro tipo de servizos e conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil 0-3 ou PAI.
3. Para teren dereito ás axudas reguladas nesta orde, os nenos e as nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que dispoña de permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
b) Que a escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela/el seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, de acordo co establecido no artigo 48 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a escola infantil 0-3 ou PAI para a/o cal se solicitan as axudas estea aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.
d) Que o concello cumprise coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
e) Que o concello estea ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.
2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Todos os requisitos e condicións exixidos se deberán cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Tipos de axuda e contía
1. A convocatoria comprende unha liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.
2. A liña 1, referida a axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade contribuír a compensar gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de setembro de 2024 ao 31 de xullo de 2025 en gastos de persoal, alimentación e outros gastos xerais do centro.
A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 ou do punto de atención á infancia autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes, segundo os seguintes módulos:
Axuda anual segundo o número de unidades de escolas infantís 0-3 en funcionamento e puntos de atención á infancia
Puntos de atención á infancia |
Escola infantil 0-3 de 2 a 6 unidades | Escola infantil 0-3 de 7 a 14 unidades | Escola infantil 0-3 de máis de 14 unidades | |
Contía total por unidade en funcionamento | 9.212,00 € | 7.000,00 € | 6.000,00 € | 4.600,00 € |
No caso de aumentar ou diminuír o número de unidades en funcionamento no curso 2024/25, o importe da axuda regularizarase no momento da xustificación.
De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo en que non se prestou o servizo.
3. As entidades beneficiarias titulares das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia ofertarán o servizo de atención educativa durante un mínimo de 8 horas diarias.
4. No caso de escolas infantís 0-3 ou PAI cun horario de apertura de 14 horas ou superior, a axuda por módulo incrementarase nun 25 %.
5. A liña 2 está destinada a compensar as entidades beneficiarias titulares destes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da matrícula, de ser o caso, dos/das nenos/as que asisten aos ditos centros.
As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e durante un máximo de once (11) mensualidades.
As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da matrícula serán o equivalente ao recollido na correspondente ordenanza fiscal aplicable para o curso 2023/24, sen que en ningún caso poida superar os 100 euros.
6. A inasistencia do neno ou da nena usuarios da escola infantil 0-3 ou PAI durante un período de cinco (5) días sen xustificar dará lugar á súa baixa para a inclusión no programa da gratuidade na obtención da bonificación da liña 2.
7. No caso de traslados de centro unha vez comezado o mes, a axuda correspondente aboaráselle á entidade beneficiaria titular do centro en que se cause baixa.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 30 de setembro de 2024. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. No caso de escolas infantís 0-3 ou PAI que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará, en todo caso, o 30 de novembro de 2024.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 781870): http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS420D, poderase obter documentación normalizada ou información no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, ou do portal da Consellería de Política Social e Igualdade, https://www.xunta.gal/politica-social, do teléfono 012 ou no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal