Axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027 (Feader - PEPAC 2023-2027). Prazo: 05-03-2026

Data: 

venres, 6 Febreiro, 2026 (Todo o día) a xoves, 5 Marzo, 2026 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España, en réxime de concorrencia non competitiva mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR701E).

BDNS (Identif.): 874780.

Obxecto

O obxecto é establecer as bases reguladoras das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, e convocar as correspondentes ao ano 2026.

Beneficiarios

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

c) Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da LSG.

Contía

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 18.998.480,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 15.06.551A.7600 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 (código de proxecto 2026.00068), coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

O importe total da anualidade 2026 ascende a 7.740.146,00 €. Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_08 Servizos básicos. Plan camiños), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia.

O importe total da anualidade 2027 ascende a 11.258.334,00 €, correspondendo 1.759.854,00 € ao importe elixible, cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_08 Servizos básicos. Plan camiños), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia. O importe restante da anualidade 2027 que ascende a 9.498.480,00 € financiarase con fondos propios libres da Consellería do Medio Rural, sendo susceptible de financiarse con cargo ao Plan estratéxico da PAC 2023-2027 logo da tramitación dunha nova reprogramación.

A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o límite da axuda pública concedida a cada concello.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación.

Para estes efectos, enténdese por rede viaria as propias vías do asentamento, as vías que conecten entidades de poboación entre si ou coa rede viaria principal.

Son actuacións de ampliación ou mellora as que a seguir se relacionan:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruzamento de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

2. Cada concello poderá presentar ata un máximo de dous proxectos.

Cada proxecto poderá comprender un máximo de tres actuacións. Para estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000,00 €.

3. Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

A comprobación de que os investimentos para os cales se solicita a axuda non están iniciados na data de presentación da solicitude de axuda fundamentarase na declaración que, para estes efectos, presenta a persoa representante da entidade solicitante no modelo normalizado de solicitude de axuda, e verificarase coa documentación que integre o correspondente expediente de contratación das obras subvencionadas.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). A relación de parroquias clasificadas como ZDP pode consultarse a través da aplicación informática accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos

c) Que as actuacións propostas incidan sobre camiños de titularidade municipal.

d) Que se axusten á normativa sectorial (estatal, autonómica e local) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

e) Que sexan viables tecnicamente.

f) Que sexan finalistas, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se concedeu a axuda.

4. Os proxectos de obra deberán integrar o seguinte contido mínimo:

1º. Identificación do seu obxecto e xustificación da necesidade das actuacións propostas. Deberán identificarse as entidades singulares de poboación a que dan acceso ou servizo as citadas actuacións.

2º. Informe fotográfico descritivo da situación actual dos camiños onde se pretende actuar.

3º. Arquivo electrónico (.kml) cos trazados dos camiños, conforme as instrucións que estarán dispoñibles a través da aplicación informática accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos

4º. Planos de localización e de detalle necesarios, indicando o trazado exacto das actuacións, a súa lonxitude e largura e os puntos de inicio e final debidamente xeorreferenciados.

5º. Xustificación dos prezos das unidades de obra.

6º. Medicións e orzamento desagregado por actuacións (excluído o IVE).

Os custos do control de calidade non deberán integrarse no orzamento do proxecto. En caso contrario, non se considerará un gasto subvencionable nos termos previstos no artigo 5.2 desta orde.

5. As unidades de obra utilizadas nos proxectos terán que axustarse na súa totalidade á estrutura e descomposición das tarifas Seaga vixentes, que estarán publicadas na ligazón http://www.epseaga.com/?q=gl/node/8 e a través da aplicación informática accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/caminos en formato .bc3.

As unidades de obra manterán todos os elementos unitarios que as conforman nas tarifas Seaga (man de obra, materiais, maquinaria, medios auxiliares), tendo en conta que:

Non se poden modificar as cantidades necesarias nin os rendementos dos elementos que compoñen a unidade de obra.

Soamente se poderán modificar os prezos dos elementos unitarios referidos anteriormente, sempre e cando o prezo da unidade de obra non supere en máis dun 20 % o das citadas tarifas.

Todas as unidades de obra que non respecten o establecido nos parágrafos anteriores serán consideradas como non subvencionables.

6. Non serán subvencionables:

a) As actuacións consistentes unicamente no arranxo de fochas ou na limpeza e perfilado de noiros e cunetas.

As actuacións que consistan en arranxo de fochas deberán incluír necesariamente tratamentos superficiais cunha lonxitude mínima de 100 metros e abranguer a totalidade da plataforma do camiño.

b) Actuacións cun orzamento de execución material inferior a 6.000,00 €.

Unha vez presentada a solicitude de axuda non se admitirá a inclusión de novas actuacións distintas das recollidas inicialmente nos proxectos de obra.

c) Non se subvencionará ningún investimento que incida sobre as actuacións subvencionadas pola Consellería do Medio Rural ou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro dos plans de mellora de camiños municipais ou dos plans de infraestruturas rurais nos últimos 5 anos. Neste caso, excluirase da actuación proposta a parte proporcional do orzamento que incumpra este requisito.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 874780): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/874780

-Na Consellería do Medio Rural a través da aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet: https://appsagader.xunta.gal/caminos

 

Descargas: