Data:
Consellería do Medio Rural
Orde do 25 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de certames de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR562A).
BDNS (Identif.): 879618.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MR562A).
2. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde, de xeito excepcional, non requirirá a comparación nin a prelación das solicitudes presentadas, senón que se tramitarán todas as solicitudes a medida que as entidades solicitantes as presenten, ata esgotar o crédito orzamentario, e en cumprimento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Entidades beneficiarias
1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as entidades locais, as asociacións de persoas gandeiras, incluídas as xestoras dos libros xenealóxicos, asociacións de persoas empresarias e outras entidades sen ánimo de lucro que organicen certames de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Dispoñer de instalacións axeitadas adaptadas ao tipo de certame, que garantan unhas condicións sanitarias e de benestar animal óptimas.
d) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.
e) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de presentación, benestar animal, sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes en cada tipo de certame, segundo a aptitude dos animais.
f) Contar coa autorización previa dos servizos veterinarios oficiais para a celebración do evento.
g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida para a xestión do libro xenealóxico ou a realización do control de rendementos, polo menos no relativo á acreditación de que os animais participantes nos eventos estean inscritos nos libros xenealóxicos correspondentes.
h) Os animais participantes en cada certame deben proceder, polo menos, de 5 explotacións distintas pertencentes a, polo menos, 5 titulares diferentes.
i) Ademais, no caso das entidades locais, deberán cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
2. Para poder participar nos certames, os animais:
a) Procederán de explotacións galegas cualificadas sanitariamente e cumprirán os requisitos sanitarios mínimos establecidos no regulamento interno.
b) Terán que permanecer en explotacións galegas polo menos os 12 meses previos á participación no evento, salvo no caso dos animais mantidos nelas desde o seu nacemento.
c) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.
3. As entidades beneficiarias deberán facer constar na publicidade e promoción do evento que se trata de actuacións celebradas en colaboración coa Xunta de Galicia, incluíndo os símbolos de identidade corporativa.
Importe
A contía global destas axudas será, para o ano 2026, de cento cincuenta mil euros (150.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, segundo o establecido no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión é o previsto no artigo 19.2.
Actuacións e gastos subvencionables
1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.
2. As actividades subvencionables serán as seguintes:
a) A selección e preparación dos animais no evento, a estabulación e a alimentación destes durante a celebración do certame, ata un máximo de 50 € por animal.
b) O transporte dos animais para a celebración do evento.
c) Os gastos derivados do acondicionamento, seguridade e limpeza do recinto onde teña lugar o evento.
d) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión do certame.
e) Os custos publicitarios, material promocional, trofeos e escarapelas, ata un máximo de 10 € por animal participante.
f) Os gastos de seguros relativos á celebración do evento.
g) Os honorarios e gastos do persoal técnico contratado para a súa participación no evento: xuíces recoñecidos oficialmente, directores da poxa, veterinarios responsables dos eventos e veterinarios das asociacións de gandeiros oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico ou a realización do control de rendementos.
3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.
4. Non se considerarán gastos subvencionables os premios en metálico, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa celebración do certame.
5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.
6. No caso de xurdiren discrepancias sobre algún dos gastos presentados, será o Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal o encargado de dirimir sobre a súa elixibilidade. De existiren dúbidas sobre a súa subvencionabilidade ou non estaren o suficientemente acreditados, non serán considerados válidos para os efectos destas axudas.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación de solicitudes será o seguinte:
a) Para os certames celebrados desde o 1 de novembro de 2025 ata a data de publicación desta orde: un mes desde o día seguinte ao da súa publicación.
b) Para os certames que se celebren despois da publicación desta orde: un mes contado desde o día seguinte ao da celebración do evento e coa data límite do 31 de outubro de 2026.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración, segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 879618): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/879618
-Na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Sede Electrónica