AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DUAIS DE EMPREGO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 05-06-2023

Data: 

venres, 5 Maio, 2023 (Todo o día) a luns, 5 Xuño, 2023 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade 

Orde do 21 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR353A). BDNS (Identif.): 689714.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR353A), concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

A programación dos obradoiros duais de emprego integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se defina, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Valórase no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, que se promova a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro con resultado de apto durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia. De ser o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación. Porase a disposición na sede electrónica un anexo V como modelo orientativo de convocatoria.

Entidades beneficiarias

Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2022 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2022 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 38.988.730,69 euros. O financiamento farase con cargo ás aplicacións 11.50.322A.460.2 e 11.50.322A.481.0 polos importes de 13.020.000,00 euros e 206.055,74 euros, respectivamente, na anualidade 2023 e 24.180.000,00 e 382.674,95 euros, respectivamente, na anualidade 2024. O programa de incentivos á contratación laboral no exercicio 2024 será financiado con cargo á aplicación 11.50.322A.460.1 por un importe de 1.200.000,00 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 689714): http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación (Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade).

Descargas: