AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DUAIS DE EMPREGO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA. PRAZO: 03-03-2021

Data: 

xoves, 4 Febreiro, 2021 (Todo o día) a mércores, 3 Marzo, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Emprego e Igualdade 

Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353A). BDNS (Identif.): 545137.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2021 das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, para incentivos á contratación temporal en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Valórase, no caso dos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes, que se promova a inserción laboral por conta allea das persoas participantes que rematen o obradoiro co resultado de apto durante un mínimo de tres meses a xornada completa en empresas do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial dos obradoiros duais de emprego. De ser o caso, as entidades promotoras deberán publicar unha convocatoria de axudas á inserción laboral, a través de incentivos á contratación.

Entidades beneficiarias

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal constituídas e rexistradas como asociacións.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2020 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2020 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 23.182.110 euros e financiarase con cargo ás aplicacións 11.05.322A.460.2 e 11.05.322A.481.0 polos importes de 8.522.844 euros e 450.000 euros, respectivamente, na anualidade 2021 e 12.784.266 e 675.000 euros, respectivamente, na anualidade 2022. O programa de incentivos á contratación laboral no exercicio 2022 será financiado con cargo á aplicación 11.05.322A.460.1 por un importe de 750.000 euros. As aplicacións mencionadas están financiadas por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: