AXUDAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE POXAS DE GANDO BOVINO SELECTO. PRAZO: 17-03-2020

Data: 

martes, 18 Febreiro, 2020 (Todo o día) a martes, 17 Marzo, 2020 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural 

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR562A). BDNS (Identif.): 495983.

Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para a realización de poxas de gando selecto na Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR562A.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2020.

Entidades beneficiarias 

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen poxas de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas que conten cunha situación sanitaria conforme coa normativa aplicable, en particular co establecido no artigo 54 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a realización deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, quen determinará as datas idóneas de celebración de acordo coa oferta de animais e coa dispoñibilidade técnica de organización do evento.

2. Para poder participar nas poxas, os animais:

a) Procederán de explotacións sometidas ás preceptivas normas sanitarias.

b) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.

c) Soamente poderán participar animais que sexan nados en Galicia.

3. Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción da poxa que se trata de actuacións realizadas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facer constar os símbolos de identidade corporativa.

Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xullo de 2020, ambos inclusive.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais, o transporte, manexo, estabulación e alimentación destes durante a realización da poxa.

b) Gastos derivados do acondicionamento do recinto onde teña lugar.

c) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión da poxa.

d) Os custos publicitarios e o material promocional relativos á poxa.

e) Gastos de mantemento, seguridade, limpeza do recinto.

f) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables a elaboración de catálogos, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa realización da actividade descrita.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

Importe

A contía global destas axudas será, para o ano 2020, de sesenta e cinco mil euros (65.000 €), con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Prazo 

O prazo para a presentación de solicitudes será:

a) Para as poxas celebradas desde o 1 de agosto de 2019 ata á data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para as poxas que se celebren despois da publicación da orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da celebración da poxa.

 

Descargas: