Data:
Augas de Galicia
RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A). BDNS (Identif.): 462309).
Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, e convocar estas axudas para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).
2. A finalidade das axudas é que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos, mancomunidades e consorcios responsables dos sistemas de abastecemento á poboación. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de concellos, que a través dun convenio ou outro instrumento xurídico, xestionen conxuntamente un sistema de abastecemento.
Importe
As axudas financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €), distribuídos nas seguintes anualidades:
– 2019: 150.000 euros.
– 2020: 100.000 euros.
O importe das axudas será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no punto anterior.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.