AXUDAS DESTINADAS Á ELABORACIÓN DE INSTRUMENTOS DE ORDENACIÓN OU XESTIÓN FORESTAIS, COFINANCIADAS POLO FEADER NO MARCO DO PDR DE GALICIA 2014-2020. PRAZO: 05-04-2022

Data: 

mércores, 2 Febreiro, 2022 (Todo o día) a martes, 5 Abril, 2022 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural 

Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B). BDNS (Identif.): 607693.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR462B), e se convocan para o ano 2022 (medida Feader 8.3).

2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE do 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo; por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo; por Decisión de execución da Comisión, C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro, e por Decisión de execución da Comisión, C (2021) 4527 final, do 17 de xuño.

Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.

En concreto, poderán ser beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) que cumpran o establecido no parágrafo anterior.

2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moito o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

4. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2022 e 2023, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) 14.03.713B.770.0.2016 00209, por un importe de 6.000.000 €, distribuídos en 600.000 € no ano 2022 e 5.400.000 € no ano 2023.

b) 14.03.713B.760.0.2016 00209, por un importe de 10.000 € distribuídos en 1.000 € no ano 2022 e 9.000 € no ano 2023.

Dentro de cada tipo de beneficiario segundo o tipo de traballo distribúese o crédito consonte o disposto no artigo 22.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os investimentos non poderán iniciarse antes de solicitar a axuda no prazo de presentación de solicitudes.

3. Aqueles IOXF cuxa solicitude de aprobación fose presentada antes da entrada en vigor da presente orde de axudas non serán válidos para a xustificación do pagamento.

Descargas: