AXUDAS CORRESPONDENTES AO PLAN DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS 2021-2022. PRAZO: 01-03-2021

Data: 

sábado, 30 Xaneiro, 2021 (Todo o día) a luns, 1 Marzo, 2021 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural 

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 (código de procedemento MR701E). BDNS (Identif.): 541961.

Obxecto

O obxecto é establecer as norma de xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

Para os efectos deste plan, terán a consideración de parcelas agrícolas:

– Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada no Sixpac como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras…) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).

– Parcelas en que se localice unha instalación agrogandeira.

– Parcelas incluídas na solicitude de axuda para os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do ano 2020.

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. O procedemento tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR701E.

Entidades beneficiarias

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 11 deste plan.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 14.300.771,00 € que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2016-00008) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

2021: 7.150.385,50 €.

2022: 7.150.385,50 €.

Intensidade da axuda

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.

O importe máximo de axuda que corresponde a cada beneficiario é o indicado no anexo II da Resolución do 28 de decembro de 2020.

Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais nos seguintes termos:

a) Ampliación: as que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permita o cruzamento de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando esta ampliación supoña rematar nunha estrada ou noutro camiño.

b) Mellora: as que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Terán tamén esta consideración as obras de mellora da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de gabias, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.

c) Mantemento: tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilación de noiros e gabias), reforzos dos terrapléns.

Prazo

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

 

Descargas: