A Federación Galega de Municipios e Provincias asinou hoxe ademais un convenio coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos co obxectivo de achegar á cidadanía o legado do escritor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. A través desta iniciativa, a Fegamp ofrecerá aos concellos galegos propostas de actividades e material bibliográfico e conmemorativo, cedidos pola Fundación de Outeiro de Rei.
O presidente da Fegamp, Alfredo García rubricou o acordo coa presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos e viúva do autor, Saleta Goi. Ambos os dous coincidiron no obxectivo de promocionar no eido local a obra e figura dun dos nomes fundamentais da poesía e narrativa galegas.
A través deste convenio, a Fegamp comprométese a difundir, avalar e potenciar actividades culturais entre as entidades municipais galegas, grazas ás accións propostas pola Fundación. Entre elas destaca a posta en marcha dun concurso escolar de recitado poético, a programación de obras teatrais do autor ou concertos de poemas musicados.