Asinado un convenio actualizado para o desenvolvemento da administración electrónica

Data: 

domingo, 18 Novembro, 2018 - 12:00
convenio electrónico man de muller cun ordenador

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ven de firmar un convenio entre o presidente da Fegamp, Alfredo García, o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, para reforzar a colaboración que ambas entidades manteñen en materia de administración electrónica.

Este convenio facilitará a dixitalización dos municipios, xa que pon a súa disposición un catálogo de servizos dixitais que ofrece un amplo abano de servizos que van desde o rexistro ou comunicacións ata servizos de maior complexidade como os que esixen a aplicación das leis 39 e 40/2015. O convenio motiva, por exemplo, a interoperabilidade a través do uso da Plataforma Pasaxe, a utilización do portal notifica.gal para as notificacións electrónicas, ou o manexo da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia para facilitar a tramitación da contratación electrónica

En 2010 creouse un portal web (Eidolocal) para intensificar a comunicación e tramitación de servizos a través de Internet entre as Entidades Locais e a Xunta. Dado o tempo transcorrido desde entón e os avances acadados polas administracións implicadas no desenvolvemento da administración electrónica, fíxose necesario ampliar o ámbito de aplicación do convenio mediante novas actuacións.

Co obxectivo último de acadar unha Administración pública galega coordinada, interrelacionada e interoperable, en definitiva, eficiente e útil de cara á cidadanía e de interese para todas as partes asinantes, a Fegamp traballou na elaboración do actual convenio para dar resposta ás necesidades dos municipios en materia de tramitación electrónica.