Apoio das entidades locais galegas ao pobo ucraíno

Data: 

venres, 25 Febreiro, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta firme censura respecto á agresión que Rusia está a levar a cabo en Ucraína. Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave ditos cimentos humanos.

As guerras son unha traxedia e un retroceso da civilización. Non hai nada que xustifique as vítimas mortais e o cruel sufrimento dos superviventes, que marcará o resto das súas vidas. Os devastadores efectos desestruturan a sociedade moito máis aló do conflito bélico. Danos irreparables que se agravan cada minuto que pasa.

Por tanto, unimos a nosa voz ás que apreman ao dirixente ruso para que cese os ataques e a invasión do territorio ucraíno inmediatamente, que desista de calquera acción pola forza e retome a negociación como única vía para procurar os seus intereses.

Así mesmo, apoiamos o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren a protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida.

Os ucraínos e ucraínas poden contar coas entidades locais galegas, que estamos pendentes -con gran preocupación e pesar- do que están a vivir.