Data:
O alcalde de O Barco de Valdeorras, o socialista Alfredo García, foi proclamado presidente da Fegamp, cargo no que substitúe ao popular José Manuel Rey Varela, na IX Asemblea Xeral da Fegamp, celebrada ao longo de toda a xornada de onte (30 de outubro), na sede da Escola Galega de Administración Pública, que cedeu as súas instalacións para desenvolver esa xuntanza, organizada co patrocinio de Correos. A lista encabezada por Alfredo García logrou 674 votos dos 1.757 emitidos. O rexedor de O Barco contará co alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, como vicepresidente executivo.
A lista do Partido Popular, encabezada por Alfonso Villares, alcalde de Cervo e vicepresidente executivo durante o pasado mandato, acadou 605, polo que Villares será vicepresidente primeiro. A candidatura do BNG, que pilotaba o rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, obtivo 250 papeletas, o que outorga a Ferrero a vicepresidencia segunda.
A lista alternativa, impulsada polas mareas e que motivou que cada partido presentase a súa, en lugar da tradicional candidatura de consenso, quedouse sen ningún cargo orgánico ao lograr 228 sufraxios, xa que o PSdeG cedeu arredor de 70 votos ao BNG para que este puidese manter a súa reprentación institucional. Dese xeito, o alcalde de Sada, Benito Portela, número un da candidatura das mareas, non accede á vicepresidencia segunda, malia que a súa lista si contará con representación na Comisión Executiva e no Consello Federal da Fegamp.
'Traballo, responsabilidade e diálogo'
No seu discurso na clausura oficial da IX Asemblea Xeral, o flamante presidente da Fegamp, Alfredo García, prometeu 'traballo, responsabilidade e diálogo', ante os retos de lograr 'un marco competencial axeitado e un financiamento xusto'. Pedíu aos alcaldes e presidentes de deputación traballar 'todos xuntos' ao marxe de 'ideoloxías ou territorios de procedencia', xa que segundo él, o que une a todos os representantes do municipalismo é o seu 'traballo en defensa dos veciños'.
O alcalde de O Barco, que dixo asumir o cargo con 'ilusión e grande responsabilidade', ante 'o enorme reto' que teñen ante si os concellos galegos, volveu cuestionar a Lei de Bases de Réxime Local e afirmou que o sistema de financiamento fixo que neste ano 2015 os concellos galegos se viran privados de 142 millóns de euros 'que lles correspondían'. Por iso pedíu 'un novo modelo de reparto' de fondos que teña en conta 'as peculiaridades' de Galicia.
Eloxios do presidente da Xunta
Antes da intervención do novo presidente da Fegamp, o presidente da Femp, Abel Caballero, convidado pola organización, augurou 'catro anos de revolución municipalista' e sacou a colación a proposta do PSOE para reformar a Constitución, reivindicando que hai que 'dar entrada á autonomía local' na Carta Magna. O tamén alcalde de Vigo lembrou o recurso de inconstitucionalidade presentado contra a reforma da Lei de Bases do Réxime Local.
O encargado de pechar ese acto de clausura foi o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que loubou ao novo presidente da Fegamp, ao que cualificou como unha persoa con 'talante e oficio' para liderar a Fegamp e manter a súa unidade de acción. Núñez Feijóo eloxiou ademais o labor da directiva saínte, malia que 'non lle tocou traballar en anos doados'. 'Agora', engadíu o presidente da Xunta, 'a recuperación é un feito' e 'a meirande parte dos concellos galegos a afrontan 'fortalecidos', xa que souberon 'ser responsables e priorizar as necesidades.