ADOPCIÓN MEDIDAS PREVENTIVAS EN ZONAS ZER E ZEV POR AUMENTO DO RISCO DE INFLUENCIA AVIARIA 2025

O pasado día 5 de novembro o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) estableceu que debido ao aumento de risco de aparición de novos focos de lnfluenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) en España, determínanse desde o 10 de novembro (incluído) medidas de prevención aplicables aos concellos incluídos nas zonas de especial risco (ZER) e de especial vixilancia (ZEV) establecidos na Orde APA 2442/2006, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

A situación epidemiolóxica actual da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) é de alto risco en toda a Unión Europea, onde se confirmaron desde o 1 de xullo e ata o 5 de novembro, 139 focos en aves de curral, 708 en aves silvestres e 33 en aves cativas. Destes, en España foron notificados 14 en aves de curral, 68 en aves silvestres e 5 en aves cativas. Na nosa Comunidade Autónoma foron 9 os focos declarados en aves silvestres, ningún en aves de curral.

Nas últimas semanas produciuse un aumento no número de casos detectados, tanto en aves silvestres como en aves de curral, tanto en Europa como en España; esta situación unida ao descenso previsible de temperaturas en próximas datas e ao incremento da chegada de aves silvestres a territorio español nas súas migracións anuais, lai necesaria a aplicación de medidas extraordinarias de protección das aves domésticas en Galicia localizadas nas referidas zonas ZER (11 concellos en Galicia) e ZEV (29 concellos en Galicia).

Os 11 concellos incluídos na zona ZER son os seguintes:

  • 7 na provincia de Pontevedra: A Illa de Arousa, Cambados, 0 Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa
  • 1 na provincia de Lugo: Xove
  • 3 na provincia de A Coruña: Cerceda, Ordes e Tordoia

Os 29 concellos incluídos na zona ZEV son:

  • 9 na provincia de A Coruña: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas,
  • 2 na provincia de Lugo: Ribadeo e Trabada,
  • 5 na provincia de Ourense: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia,
  • 13 na provincia de Pontevedra: A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, 0 Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa

As medidas a adoptar nos concellos localizados nestas zonas ZER e ZEV, establecidas na citada Orde APA/2442/2006, tendentes a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie, son as seguintes:

  • Queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre. Todos os propietarios de aves deben recluír as súas aves en instalacións pechadas a cuberto. Con todo, cando isto non sexa posible, poderanse manter as aves ao aire libre sempre que se instalen medios como teas paxareiras ou outros dispositivos que impidan a entrada de aves silvestres, e sempre que se alimente e abreve ás aves de curral no interior das instalacións ou nun refuxio que impida a chegada de aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos ou a auga destinados ás aves de curral.
  • Queda prohibida a cría de patos, ocas e gansos con outras especies de aves de curral.
  • Queda prohibida a utilización de paxaros das ordes Anseriformes (parrulos ou similares) e Charadriiformes (gaivotas e similares) como reclamo en actividades cinexéticas.
  • Queda prohibido dar auga ás aves de curral procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, salvo no caso de que se trate esa auga con métodos que garantan a inactivación do virus da influenza aviaria.
  • Os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente fronte as aves silvestres ou as súas dexeccións.
  • Queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas (p. ex. aves ornamentais ou similares) nos centros de concentración de animais definidos no artigo 3.7 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal incluíndo os certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas. Con todo, a autoridade competente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade animal poderá autorizar ditas concentracións sempre que se efectúe unha avaliación do risco que dea un resultado favorable.

As medidas establecidas na actual situación de risco son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade, así como tamén para os currais familiares de autoconsumo.

A Consellería do Medio Rural mantén informados puntualmente destas medidas ás persoas titulares de explotacións avícolas comerciais (sexan industriais ou artesanais), a través das canles habituais de contacto co sector avícola galego. Así mesmo remitiu recentemente unha comunicación individual a cada un dos concellos incluídos nas citadas zonas ZER e ZEV informando das medidas a aplicar.

Finalmente, é moi importante trasladar aos cidadáns que o serotipo do virus da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) circulante actualmente é o H5N1, cunha elevada mortalidade entre as aves, presenta un reducido potencial zoonótico (e dicir, de transmisibilidade ás persoas), aínda que por un criterio básico de prevención sanitaria, aconséllase non ter contacto con aves enfermas ou mortas, tanto silvestres como domésticas, e en caso de detección destas, comunicalo de inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.