Acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Prazo: do 01-04-2026 (9:00 h) ao 15-10-2026 (14:00 h).

Data: 

mércores, 1 Abril, 2026 (Todo o día) a xoves, 15 Outubro, 2026 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2026 pola que se convoca o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes para a anualidade 2026 (código de procedemento VI438A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2026, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 3.044.893,20 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.821.60, correspondente á anualidade 2026 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación establecido na Resolución do 20 de setembro de 2016. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.

4. O importe que debe repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Actuacións obxecto de financiamento mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación, incluída a execución subsidiaria, por parte dos concellos, de obras de edificación ou de urbanización.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) As de urbanización de novas vías, previstas no planeamento municipal para mellorar a conexión de ámbitos urbanos ou de núcleos rurais.

d) As dirixidas ao remate das edificacións non acabadas previstas no artigo 77 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

e) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

f) A elaboración de plans especiais de protección.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b), c) e f) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos nas letras d) e e). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 15 de outubro de 2026.

4. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: sin publicar).

-Na Dirección Xeral do IGVS.

-Na Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS.

Descargas: