80 concellos coñecen as novidades sobre contratación de policías Locais

Data: 

martes, 16 Xaneiro, 2018 (Todo o día)

A Estrada, 9 de xaneiro de 2018.- A Fegamp organizou xunto coa Xunta
de Galicia unha xornada formativa na que participaron 180 alcaldes/as,
concelleiros/as, policías locais e técnicos municipais de 80 concellos
galegos para coñecer polo miúdo o decreto recentemente aprobado que
regula cooperación entre a administración autonómica e os concellos
galegos que, mediante delegación de competencias, centralizará o
proceso de selección de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de
policía local na sede da Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia
(AGASP), na Estrada.
Os concellos galegos atopábanse dende hai tempo nunha problemática
que estaba afectando á xestión dos cadros de persoal da policía
municipal, con moitas dificultades na realización de probas de selección,
debido á complexidade dos procedementos e á gran cantidade de
candidatos que atraían estas probas. Tamén se teñen atopado os
concellos con moitos atrancos á hora de renovar os cadros de persoal de
policía local, ou de acomodar os efectivos ás necesidades do concello por
mor de celebracións, períodos estivais ou outras necesidades específicas.

No acto de inauguración da xornada, o presidente da Fegamp, Alfredo
García valoraba o logro para os concellos: “este decreto é para os
concellos, e sobre todo para os concellos máis pequenos, unha descarga
de responsabilidade e un adianto á hora de facer cambios dos cadros de
persoal ata agora moi complicados debido á complexidade dos
procedementos e á gran cantidade de candidatos que atraen estas
probas.”
Amosábase tamén satisfeito Alfredo García de ter chegado ao obxectivo
previsto: “a Fegamp trasladou con insistencia esta problemática á
Administración Autonómica, facéndoos así coñecedores deste malestar, e
aportando tamén unha solución como viña sendo a de realizar as probas
dunha forma conxunta para todo o territorio galego”.
Na xornada formativa celebrada na Estrada resolvéronse dúbidas a todos
os alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras e persoal técnico do
Concellos asistentes que puideron coñecer polo miúdo as implicacións
do decreto recentemente aprobado coa finalidade de propiciar a
celebración do primeiro proceso selectivo en 2018.

Xornada Formativa na AGASP