7 de cada 10 concellos galegos desenvolven medidas aliñadas cos ODS

Data: 

venres, 3 Xuño, 2022 (Todo o día)

O primeiro Foro Local Galego para a Axenda 2030 presenta a primeira diagnose do seu grao de implantación nos concellos galegos. O acto pon fin a un programa de formación posto en marcha pola Fegamp en colaboración coa UNED Pontevedra e a organización non gubernamental Fuertes Razones.

Durante 13 sesións, máis dun centenar de técnicos e responsables de concellos galegos traballaron sobre cada un dos 17 ODS analizando as metas, políticas, accións e dificultades. Gracias a esa abordaxe e o intercambio de experiencias obtívose unha fotografía da situación e se concluíron as liñas a seguir.

O estudo, realizado por Fuertes Razones detecta que o 70% dos das entidades locais galegas desenvolven políticas aliñadas cos obxectivos. Se ben esta actividade se viña desenvolvendo antes incluso que da existencia da Axenda 2030 pola tendencia natural dos concellos a procurar solucións e benestar para os seus veciños e veciñas, é preciso orientar esas medidas cara á consecución das metas establecidas no documento. Tamén chama a atención a escasa visibilidade dada a estas accións, algo que garda relación con outro dato relevante: o escaso ou nulo coñecemento por parte da cidadanía respecto aos ODS e a Axenda e que as persoas informadas ao respecto os consideran unha “utopía irrealizable”.

O coñecemento entre os traballadores das administracións non directamente vinculados á consecución dos obxectivos é bastante xenérico, polo que os enquisados refiren a necesidade de habilitar canles de comunicación e participación cidadá pero tamén plataformas de contacto entre o persoal municipal. Neste eido interno consideran necesarias mellorar nos obxectivos 8 (Traballo decente e crecemento económico) e 5 (Igualdade), metas sobre os que a Fegamp leva tempo a traballar con mesas de traballo, accións formativas e novas ferramentas. Durante o acto, o presidente da Federación, Alberto Varela, puxo de manifesto o alto interese en todas estas accións o que “proba o compromiso e implicación dos concellos na consecución dos ODS”. Na súa intervención, Varela apelou á relevancia da administración local como “ficha dun sistema que precisa reformularse” para responder a unha “sociedade que muda a pasos de xigante e cada vez é máis complexa e inestable. Neste sentido apuntou á necesidade de “maior colaboración e coordinación e o establecemento de alianzas transversais”.

O Foro contou coa participación de María Bassols, representante permanente adxunta en Nacións Unidas, quen asegurou que España é un dos países modelo polo seu avance na implementación dos ODS e invitou aos responsables do municipalismo galego a acudir para intercambiar información e experiencias.

Foro dispoñible en: https://fb.watch/dpIj_4BjOy/