
O concello de Moeche foi seleccionado como o segundo piloto galego na segunda convocatoria do proxecto CELRURAL, unha iniciativa que ten como obxectivo o fomento da implantación de enerxías renovables a nivel rural para reforzar o desenvolvemento dun sistema enerxético sostible e de proximidade mediante a adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético compartido no ámbito das comunidades enerxéticas locais en zonas rurais.
CELRURAL está financiado con fondos europeos do programa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP España-Portugal. O anuncio realizouse durante a xornada de seguimento e difusión do proxecto en Ávila, á que asistiron representantes institucionais e técnicos das entidades participantes.
Os socios do proxecto repasaron as actuacións desenvolvidas no último ano e acordaron os pasos a seguir nos próximos meses, unha vez que xa están constituidas formalmente todas as comunidades enerxéticas nos municipios seleccionados por cada unha das rexións participantes e tras a incorporación do segundo concello galego:
- Xermade. Galicia. España.
- Moeche. Galicia. España.
- Vila Verde. Comunidade Intermunicipal do Cádavo. Portugal.
- Fontiveros. Deputación de Ávila. España.
- Illa de Culatra. Rexión do Algarve. Portugal.
A selección de Moeche produciuse tras un proceso competitivo no que se valoraron diversos criterios, como capacidade técnica, o impacto social das accións propostas ou a traxectoria do concello en proxectos de innovación territorial. Xermade, na primeira convocatoria e Moeche, na segunda, son os dous concellos galegos seleccionados polo proxecto europeo CELRURAL. Ambos presentaron propostas sólidas, con visión estratéxica e compromiso institucional, orientadas á implantación de solucións que respondan aos retos actuais do territorio rural.
A participación destes concellos galegos no proxecto conta co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), entidade socia de CELRURAL. A FEGAMP traballa activamente en defensa dos intereses do municipalismo galego e promove iniciativas coma esta, que buscan reducir a fenda dixital, mellorar os servizos públicos e contribuír ao desenvolvemento sostible dos pequenos municipios.
A xornada de traballo en Ávila rematou coa visita ao municipio de Fontiveros, onde se puideron coñecer de primeira man as instalacións fotovoltaicas do Edificio de Usos Múltiples, San Juan de la Cruz e as iniciativas impulsadas por esta Deputación entidade socia do proxecto.

Sede Electrónica





