Data:
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, e seguindo as directrices do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022), están impulsando a execución de distintas actuacións para a mellora da xestión dos residuos municipais. Entre elas, accións dirixidas a potenciar a recollida selectiva da fracción orgánica e ao fomento do uso do compost na nosa Comunidade.
Entre as tarefas a desenvolver atópanse o establecemento de recomendacións de uso do compost a incluír nas plicas públicas, a redacción dunha norma técnica para a definición da calidade e usos do compost, o impulso de protocolos de colaboración para promover o uso de compost como fertilizante, e a execución de proxectos demostrativos, para as cales é necesario contar coa participación dos representantes da Administración Local e Autonómica, así como das empresas e axentes involucrados na xestión dos biorresiduos e na distribución e venda do compost, coa fin de xerar un punto de encontro e intercambio de información, opinións e suxestións que contribúan a mellorar a xestión dos biorresiduos e a produción de compost de calidade.
Con este obxectivo, estase a organizar un foro de participación aberto ás Entidades Locais de Galicia e a tódalas entidades implicadas nesta materia, para abordar o desenvolvemento das tarefas sinaladas co reto de avanzar no cumprimento dos obxectivos europeos en materia de xestión de residuos, e en particular dos biorresiduos.
Dende esta Dirección Xeral convidámoslle a participar neste foro sobre a recollida selectiva da fracción orgánica e a promoción do uso do compost que terá lugar o día 12 de marzo de 2019 ás 11:00 horas na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, sita na Ronda Muralla nº 70 (Lugo).
Coa fin de favorecer a organización deste foro, prégase confirmación de asistencia a través da seguinte ligazón: https://goo.gl/b7jXiq
Se precisan máis información poden contactar no teléfono 981 541 082 ou no enderezo electrónico residuos.economia.circular@xunta.gal