Xunta e Fegamp dan comezo co plan de actuación conxunta da memoria histórica

Data: 

luns, 22 Xullo, 2019 - 10:00
reunión presidente da Fegamp coas dx de memoria histórica e administración local

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, mantivo unha reunión coas directoras de Administración Local e de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Marta Fernández-Tapias e Blanca García-Señoráns, respectivamente,  onde se acordou deseñar un Plan de Actuación conxunta da memoria histórica entre as Administracións local, autonómica e estatal.

A Xunta deu traslado á Fegamp dos acordos parlamentarios aprobados, concretamente da retirada de símbolos franquistas - que é competencia municipal- e da localización de fosas e exhumación de cadáveres. O presidente da Fegamp mostrou a súa vontade de que, unha vez estea constituído o Goberno do Estado, solicitar unha reunión co Director Xeral da Memoria Histórica, dependente do Ministerio de Xustiza, para que entre todas as Administracións deseñar e avanzar neste Plan de actuación conxunta.

O primeiro dos acordos parlamentarios insta á Xunta de Galicia a acordar e coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa Administración xeral do Estado as actuacións encamiñadas a facilitar ás familias de vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares.

O segundos dos acordos parlamentarios insta o Goberno galego a elaborar e aprobar, coa participación das entidades locais, universidades e asociacións de memoria histórica, un Plan plurianual de investigación, localización, exhumación e identificación das vítimas do franquismo que están enterradas en fosas comúns en Galicia.

Segundo este acordo, o procedemento para a localización basearase na investigación por parte dun equipo multidisciplinar que teña en conta as fontes orais, as probas documentais e a relación de indicios que a xustifiquen. Os traballos de exhumación e identificación realizaranse por equipos profesionais, con financiamento público e de conformidade cos protocolos establecidos co obxectivo último do plan debe ser a entrega dos restos ás familias e o desenvolvemento de actos de enterramento digno.