Valoracións do presidente da Fegamp tras o anuncio de fusión de Cotobade e Cerdedo

Data: 

martes, 23 Febreiro, 2016 - 17:45

 

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, manifestou hoxe o máximo respeto da institución á decisión daqueles concellos galegos que queiran fusionarse, sempre e cando conten para facelo co apoio dos veciños/as que alí residen. A valoración da Fegamp vén tras o anuncio do proceso de unificación que abriron coa Xunta de Galicia os municipios de Cerdedo e Cotobade.

En declaracións aos medios de comunicación, Alfredo García destacou que “O gran traballo que temos por diante é falar das necesidades da planta municipal de Galicia, porque non nos podemos quedar co feito sinxelo dunha fusión puntual. Os problemas da maioría dos concellos non se resolverían con ese proceso, que só é válido para casos concretos. A realidade territorial galega está composta por núcleos pequenos que quedarían desatendidos se os afastamos aínda máis dos centros de decisión”.

 “É necesario ir máis aló no debate da organización territorial en Galicia, porque por agora só houbo unha casuística puntual e descoñécese se estender ese modelo tería unha repercusión positiva real, tanto económica como socialmente. Máis que falar de fusións é necesario falar de prestación de servizos de xeito conxunto entre concellos que formen parte de comarcas naturais. E para isto precisamos da colaboración doutros organismos”.

O presidente da Fegamp expresou que a problemática que trasladan á institución moitos municipios está relacionada coas súas competencias, algunhas delas impropias, carecendo do financiamento necesario para facerlles fronte. “Hai concellos que pola extensión do seu territorio e o elevado número de núcleos de poboación cos que contan non serán susceptibles de fusionarse, e non por iso deben perder a oportunidade de poder prestar e recibir servizos dun xeito eficaz para os veciños e veciñas.

Alfredo García quixo lembrar aos concellos a total disposición da Fegamp como órgano consultivo para recoller as súas demandas e axudar como intermediario con outras institucións.