SUBVENCIÓNS A PROXECTOS DE PROMOCIÓN E DINAMIZACIÓN DO XACOBEO 2021 DENTRO DO PROGRAMA O TEU XACOBEO 2020-2021. PRAZO: 30-12-2019

Data: 

venres, 29 Novembro, 2019 (Todo o día) a luns, 30 Decembro, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (código de procedemento TU300A). BDNS (Identif.): 483213.

Obxecto

As subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021 que se celebren entre o 1 de maio de 2020 e o 30 de abril de 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación sociocultural cara ao Xacobeo 2021 para a promoción e potenciación de Galicia, así como reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como: exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (código de procedemento TU300A).

Entidades beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se detallan a seguir:

Liña 1: concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais galegos.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións das devanditas entidades locais, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Liña 2: persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 3: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

3. Tampouco se permitirá a presentación de máis de dúas axudas por entidade ou agrupación de entidades locais, persoas físicas e/ou xurídicas e entidades sen ánimo de lucro.

4. As datas dos proxectos que se van desenvolver non poderán coincidir coas festas oficiais ou tradicionais do lugar de celebración.

Actividades subvencionables

1. As actividades desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:

Ámbito artístico:

– Artes visuais.

– Cultura dixital.

– Deseño e moda.

– Cinema e documental.

– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.

– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.

Ámbito de patrimonio e pensamento:

– Patrimonio material: arquitectura, arqueoloxía, etnografía, xeografía, topografía e outras.

– Patrimonio inmaterial: antropoloxía, tradicións, oficios, artesanía, gastronomía, enoloxía e outros.

– Cultura científica e editorial: publicacións, conferencias, estudos, foros, seminarios, intercambios con expertos, xornadas formativas, libros.

Ámbito deportivo:

– Torneos.

– Eventos deportivos especiais.

– Actividades dirixidas, ao aire libre, e relacionadas co benestar e coa vida activa, respectuosa coa contorna e coa natureza.

Ámbito social:

– Programas de voluntariado en todas as súas dimensións.

– Programas sociais e educativos no campo da igualdade, da inclusión social e da participación cidadá.

2. Os proxectos presentados deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e adherirse, polo menos, a tres dos seguintes obxectivos do Xacobeo 2021:

a) Obxectivos estratéxicos fixados polo Consello Xacobeo para o Xacobeo 2021:

• Camiño. Destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

• Europa. Convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo.

• Patrimonio. Promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea.

• Territorio e desenvolvemento sustentable. Impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago.

• Audiencia e legado. Fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, particularmente entre os máis novos.

b) Obxectivos estratéxicos da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 en Galicia:

• Promoción. Promocionar Galicia como destino cultural e turístico.

• Alcance. Implicar toda a poboación galega na celebración e xerar un sentimento de orgullo e pertenza cara aos valores da nosa comunidade.

• Innovación. Apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño de Santiago.

• Narrativa. Dar voz e recompilar as historias e experiencias que se xeren ao longo do Camiño.

• Diálogo. Fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e segundo se establece no artigo 4 da citada resolución.

Descargas: