SUBVENCIÓNS PARA REHABILITAR AS ANTIGAS VIVENDAS DE MESTRES, DOUTROS OFICIOS E DEMAIS EDIFICIOS E VIVENDAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL. PRAZO REACTIVADO: 07-07-2020

Data: 

xoves, 27 Febreiro, 2020 (Todo o día) a martes, 7 Xullo, 2020 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal. BDNS (Identif.): 495255.

Obxecto da orde

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios, así como as demais edificacións de titularidade municipal, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos. O código de procedemento é VI422F.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, cuxo prazo de presentación estivese vencido.

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 ou á norma que o substitúa.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderase establecer a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total da obra, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes ás obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a provisións de material previos e/ou a pagamentos anticipados en que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que todas as actuacións que se realicen se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións non estean rematadas na data da presentación da solicitude.

– O número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non poderá ser superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

2. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os 16 meses.

3. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Así mesmo, para estes efectos, enténdese por ámbito dos camiños de Santiago o comprendido na declaración de área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta de Galicia-Ministerio de Fomento.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual, distribuíndose as anualidades en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da derradeira anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Prazo: Reactívase o prazo de presentación de solicitudes que rematá o 7 de xullo de 2020 (publicado no DOG Nº. 97, do 20 de maio de 2020).

 

Descargas: