SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍA FOTOVOLTAICA ANO 2020-2021. PRAZO: 01-12-2020

Data: 

mércores, 23 Setembro, 2020 (Todo o día) a martes, 1 Decembro, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Instituto Enerxético de Galicia 

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421Y e IN421S).

Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, para o exercicio 2020-2021, que se xuntan a esta resolución como anexo I (IN421Y, IN421S).

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, segundo a excepción mencionada no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de adhesión presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de solicitudes entre si, polo interese especial en promover a adhesión do maior número de entidades colaboradoras, que poidan levar a diante este tipo de proxectos en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as solicitudes de adhesión poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude de adhesión aberta de maneira continuada.

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020-2021 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VIII.

4. Publicar o convenio de colaboración para poder tramitar as axudas ás entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos para proxectos de enerxía fotovoltaica, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2020-2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e ademais co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

Beneficiarios

  • Empresas
  • Administración local
  • Entidades sen ánimo de lucro

Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2020-2021.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

De producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

1. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou ben unha empresa ou autónomo, a solicitude de axudas presentarase a través de entidade colaboradora que estea dada de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria como empresa con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

Cando o beneficiario sexa unha Administración local a solicitude faraa directamente o seu representante.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade interesada presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II) (procedemento IN421Y).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 21 de setembro ás 9.00 horas e finalizará o 1 de decembro de 2020 (procedemento IN421S).

AVISO IMPORTANTE: 

Comunícase Resolución do Director do Inega do 21 de setembro de 2020, pola que se suspende o prazo de presentación de solicitudes de axudas convocadas por Resolución do 3 de agosto de 2020 para proxectos de enerxía solar fotovoltaica para as anualidades 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020,(código de procedemento IN421S).

O luns, 21 de setembro de 2020, detectouse unha incidencia técnica na aplicación informática da convocatoria de axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, cofinanciada con fondos FEDER.

Debido a que non se puido garantir o principio de igualdade de trato nin a seguridade xurídica, procedeuse á suspensión do prazo de presentación de solicitudes de axudas.

Solucionado o problema, o prazo de presentación de axudas, volverase a abrir o vindeiro mércores, 23 de setembro 2020, ás 9:00 horas.

 

 

 

 

Descargas: