SUBVENCIÓNS PARA PROGRAMAS DE EMPREGO PARA PERSOAS MOZAS INCLUÍDAS NO FICHEIRO DO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL. PRAZO: 21-02-2020

Data: 

mércores, 22 Xaneiro, 2020 (Todo o día) a venres, 21 Febreiro, 2020 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR353B). BDNS (Identif.): 492039.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego, cunha duración de 12 meses, dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Unha vez rematada esta primeira etapa de formación e aprendizaxe a Consellería de Economía, Emprego e Industria promoverá a inserción laboral de todas as persoas participantes nos programas de emprego que rematen con resultado de apto/a mediante unha futura convocatoria de incentivos á contratación por conta allea durante un mínimo de 6 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Beneficiarias da subvención

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2019 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2019 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 7.057.092 euros e financiarase con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 correspondendo a cada unha das anualidades 2020 e 2021 un importe de 3.528.546 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89% pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da Orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: