SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DE EMPREGO DIRIXIDOS A PERSOAS MOZAS INCLUÍDAS NO FICHEIRO DO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL. PRAZO: 23-06-2018

Data: 

xoves, 24 Maio, 2018 (Todo o día) a sábado, 23 Xuño, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

Orde do 4 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR353B). BDNS (Identif.): 399209.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Entidades beneficiarias

Os proxectos que se financien ao amparo desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2017 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes deste programa aquelas persoas mozas inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014 modificada polo Real decreto lei 6/2016 do 23 de decembro, con carácter previo a participar nos obradoiros de emprego.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto, durante toda a duración do proxecto, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Se a formación que se vai impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Duración

1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o proxecto considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2018.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 3.453.080 euros e financiarase con cargo á aplicación 09.41.322A.460.2 correspondendo a cada unha das anualidades 2018 e 2019 un importe de 1.726.540 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, número CCI2014ES05M90P001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Prazo

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: