SUBVENCIÓNS PARA O INVESTIMENTO EN CENTROS DE INCLUSIÓN E EMERXENCIA SOCIAL E PROGRAMAS DE INCLUSIÓN SOCIAL DA POBOACIÓN XITANA, INMIGRANTE E OUTRAS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN. PRAZO: 18-08-2016

Data: 

martes, 19 Xullo, 2016 (Todo o día) a xoves, 18 Agosto, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

Orde do 4 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas que desenvolverán as corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2016-2017, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020. BDNS (Identif.): 312002.

 

Finalidade

Establecemento de subvencións ás corporacións locais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas á construción, reforma, adaptación e equipamento de centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas, así como ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal que teñan por finalidade á inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.

Entidades beneficiarias

Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais de ámbito municipal galegas que desexen implantar ou desenvolver algunha das actuacións comprendidas nesta orde de convocatoria. Enténdense incluídas as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.

Non obstante o anterior e en relación con aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta do programa. Parta estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este aspecto cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da dita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para o mesmo programa.

En calquera caso, as corporacións locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Aquelas corporacións locais solicitantes dun programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar a emisión de informes de arraigo social e vivenda adecuada que a Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e o Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, establece no ámbito da Comunidade Autónoma galega, así como unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada segundo as seguintes regras:

Concellos: superar o 2,5 % de poboación procedente de países extracomunitarios calculado sobre a poboación total do concello e ter empadroadas no concello máis de 100 persoas inmigrantes extracomunitarias. No caso de non acadar esta porcentaxe, ter un mínimo de 1.000 persoas estranxeiras inmigrantes empadroadas no concello.

Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2 % de poboación procedente de países extracomunitarios o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter de media 400 persoas inmigrantes extracomunitarias.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.

Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, agás a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.

c) As corporacións locais solicitantes dun programa dirixido á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa o deseño e realización de itinerarios personalizados de inclusión social dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social.

d) As corporacións locais solicitantes dun programa dirixido á inclusión social da comunidade xitana terán que acreditar a necesidade social do programa, a cal será valorada no criterio de selección correspondente.

Importe

Cinco millóns cento trinta e tres mil trescentos vinte e cinco euros (5.133.325 euros).

Para os efectos de determinar o importe das axudas para investimento en centros de inclusión e emerxencia social, terase en conta o orzamento presentado pola entidade local solicitante, sen que a axuda percibida exceda o custo total subvencionable. En ningún caso o importe máximo da axuda que se conceda superará o importe de 200.000 € por cada axuda concedida.

No que respecta ás solicitudes de programas, unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme os criterios establecidos na orde de convocatoria, obterase unha relación ordenada delas, que se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible, cos seguintes límites:

A contía máxima de axuda por programa establécese nun importe de 70.834 €, por cada programa subvencionado, agás no caso de solicitude conxunta, en que a dita contía se elevará a un importe máximo de 81.460 €.

Prazo

Un mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1351.66 MB
PDF icon DOG Nº. 135 - EXTRACTO440.58 KB