SUBVENCIÓNS PARA O EQUIPAMENTO E MELLORA DAS INSTALACIÓNS E LOCAIS UTILIZADOS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS. PRAZO: 17-02-2018

Data: 

xoves, 18 Xaneiro, 2018 (Todo o día) a luns, 19 Febreiro, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria 

ORDE do 5 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. BDNS (Identif.): 379282.

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e das súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2018, de acordo co establecido na presente orde.

A finalidade é a mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, conforme o procedemento que a continuación se establece (código de procedemento CT211B).

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

3. As axudas serán destinadas a:

Realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Para os efectos desta convocatoria, no caso de investimentos nas bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais, son requisitos de participación os seguintes:

– A biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

– O cumprimento dun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público da biblioteca ou axencia de lectura.

– Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2016 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

– Ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

4. Cada solicitude presentada debe corresponderse co proxecto de equipamento dun único local. No caso de agrupación de concellos, a solicitude presentada pola agrupación corresponderase cun único local por cada un dos concellos agrupados.

5. Inclúense nesta orde os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2018 ata a data límite de xustificación da orde.

6. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia e as súas entidades públicas, así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Imputación orzamentaria 

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0 (código de proxecto 201500370) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 e o importe global destinado ascende a cincocentos mil euros (500.000 €). A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para 2018.

Prazo 

Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

 

Descargas: