SUBVENCIÓNS PARA ENTIDADES DE ACCIÓN VOLUNTARIA E ENTIDADES LOCAIS ENMARCADAS NO PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL. PRAZO: 05-08-2019

Data: 

venres, 5 Xullo, 2019 (Todo o día) a luns, 5 Agosto, 2019 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social

Orde do 24 de xuño de 2019 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. BDNS (Identif.): 464332.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten, dentro das áreas prioritarias, de acordo con esta convocatoria.

Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2019.

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozas/os de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización da/o nai/pai ou titora/titor legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha/s das seguintes áreas:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

j) Actividades relacionadas co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero: accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero (campañas diversas), promoción de actividades de apoio ás vítimas, información, formación, entre outras medidas, do documento refundido de medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

Contía

A contía global da convocatoria é de catrocentos cinco mil euros (405.000,00 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.460.0, cento noventa e cinco mil euros (195.000,00 €), se destinarán ás entidades locais, mentres que os restantes douscentos dez mil euros (210.000,00 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.481.0.

Dos anteriores importes, un 38,46 %, no caso de entidades locais, e un 35,71 %, no caso das entidades de acción voluntaria, irán destinados ás medidas establecidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Este financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2019.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 12.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poidan solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Prazo

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: