SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN, MELLORA E AMPLIACIÓN DE PEQUENAS INFRAESTRUTURAS, MEDIANTE PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NA ADMINISTRACIÓN LOCAL. PRAZO: 18-06-2016

Data: 

xoves, 19 Maio, 2016 (Todo o día) a sábado, 18 Xuño, 2016 (Todo o día)

 

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas, mediante proxectos de aforro e eficiencia enerxética na Administración local, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020. (BDNS. Identif.: 306299).

Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se executen en edificios da Administración local e nas instalacións de iluminación pública exterior existentes dependentes desa Administración.

Nestas bases regúlase a concesión das ditas subvencións, así como os requisitos e condicións que deben cumprir os proxectos de aforro e eficiencia enerxética para seren subvencionables.

Beneficiarios

Poderán acceder á condición de beneficiarios as entidades locais de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos e regras xerais

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto unha vez presentada a solicitude.

2. Que se desenvolvan nas zonas rurais de Galicia. A definición de zona rural realizarase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) no seu territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración de zonas urbanas os sete concellos dos núcleos de poboación máis grandes da Comunidade Autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela). A autoridade de xestión, xunto co Instituto Galego de Estatística, perfila as cuadrículas de estudo (1 km2) dentro de cada unha das zonas urbanas a nivel parroquia. As parroquias definidas como rurais ou intermedias serán admisibles para os efectos do fondo Feader.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados.

4. Que sexan viables tecnicamente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia enerxética.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

8. O beneficiario no caso de pagamento indebido quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros correspondentes. Non se aplicará a obriga de reembolso se o pagamento é froito dun erro da autoridade competente ou de outra autoridade sen que o beneficiario puidera detectar razoablemente ese erro (artigo 7.1 e 3 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo).

Con carácter xeral, os supostos de retirada total e parcial da axuda e a imposición de sancións administrativas ao beneficiario veñen reguladas no artigo 63 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo.

9. O investimento para que a actuación sexa subvencionable deberá superar os 3.000 euros (IVE excluído).

Actuacións e conceptos subvencionables

1. Establécense tres liñas de subvención en función da tipoloxía do proxecto de aforro e eficiencia enerxética:

a) Proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas dos edificios municipais destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas.

b) Proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación dos edificios municipais.

c) Proxectos para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación pública exterior dependentes dos concellos.

Contía

1. A contía global da convocatoria é de 3.490.791,87 euros. Este crédito está financiado con fondos propios, que ascenden a 1.490.791,87 €, e con fondos do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, que ascenden a 2.000.000,00 €, dos cales o 75 % procede do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 7 «Actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais», e da submedida 2 «Creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético», un 7,50 % procede dos orzamentos xerais do Estado e un 17,50 % dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. A intensidade da axuda será o 75 % do custo elixible do proxecto, sempre e cando non se superen os límites de axuda máxima establecidos nos puntos seguintes.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

3. A contía máxima da axuda por liña de subvención, é dicir, por tipoloxía de proxecto, será de 50.000 €, independentemente do número de solicitudes que o solicitante presente para esa liña de subvención. Así, cando un concello presente varias solicitudes dentro da mesma liña, a axuda acadará o 75 % do custo elixible para cada solicitude, cun máximo total de 50.000 € por liña de actuación.

4. Establécese tamén un límite máximo de axuda por concello de 60.000 euros no conxunto das tres liñas/tipoloxías.

Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Descargas: