SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN E/OU MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS, DOTACIÓNS, INSTALACIÓNS E EQUIPAMENTOS VINCULADOS Á PRESTACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS PARA O ANO 2020. PRAZO: 30-01-2020

Data: 

martes, 31 Decembro, 2019 (Todo o día) a xoves, 30 Xaneiro, 2020 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 

ORDE do 12 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2020, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A). BDNS (Identif.): 488458.

Obxecto 

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (código de procedemento PR486A), que se indican a seguir:

a) Obras de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.

b) Obras de pavimentación de camiños públicos municipais.

c) Obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís, cubrición de parques infantís ou construción de novos parques infantís cubertos.

d) Obras de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

Beneficiarios 

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Teren menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2018, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Teren remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2018 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns de euros (4.000.000,00 €).

A axuda económica que se conceda financiará ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 50.000 euros para as solicitudes conxuntas e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal ou en proceso de fusión.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: