SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN E/OU MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS, DOTACIÓNS, INSTALACIÓNS E EQUIPAMENTOS VINCULADOS Á PRESTACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS PARA O ANO 2019. PRAZO: 31-01-2019

Data: 

martes, 1 Xaneiro, 2019 (Todo o día) a xoves, 31 Xaneiro, 2019 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e  Xustiza

ORDE do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida. BDNS (Identif.):431323.

Obxecto e bases reguladoras

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais (PR486A), que se indican a seguir:

a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública.

b) Pavimentación de camiños públicos municipais.

c) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís.

d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

Para os efectos desta orde, considerarase edificio ou dependencia destinada á prestación dos servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 2/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei.

e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

Beneficiarios 

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2017, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso das agrupacións ou asociacións de concellos, deberán cumprir ambos os requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

Gastos subvencionables 

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización de proxectos de investimento indicados no artigo 1, acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.

2. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:

a) Serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) As actuacións que se subvencionarán deberán responder ás seguintes tipoloxías:

1º. Obras de construción, rehabilitación ou mellora de inmobles.

2º. Adquisición de equipamento, maquinaria e bens de equipo, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, así como outros investimentos materiais e inmateriais necesarios para a execución do proxecto.

3º. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.

c) Serán proxectos completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

Crédito e importe máximo das subvencións

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.760.2 (código de proxecto: 2016 00023 Creación, mellora e ampliación de servizos locais básicos), ata unha contía máxima de dous millóns novecentos noventa e nove mil novecentos noventa e nove euros (2.999.999,00 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2019.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2019 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

3. A axuda económica que se conceda financiará ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 50.000 euros para as solicitudes conxuntas e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal ou en proceso de fusión.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: