SUBVENCIÓNS PARA A ADXUDICACIÓN DE EQUIPAMENTOS DE EMERXENCIAS A CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES, MANCOMUNIDADES OU AGRUPACIÓNS DE CONCELLOS GALEGOS. PRAZO: 18-04-2019

Data: 

luns, 18 Marzo, 2019 (Todo o día) a xoves, 18 Abril, 2019 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 

Orde do 26 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 444132.

Obxecto

Establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupación de voluntarios de protección civil inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que tivese presentada oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel; neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2017 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou organismos e entidades adscritas a esta, para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2019, de acordo co establecido no artigo 4.

d) As mancomunidades ou agrupacións de concellos, no caso de prestaren de xeito mancomunado o servizo de protección civil e emerxencia, terán que presentar a súa solicitude de forma conxunta e mancomunada, e é incompatible coa solicitude individual dos concellos que compoñan a entidade.

O feito de teren solicitado e térselles concedido equipamento de emerxencia nos cinco últimos anos, de forma agrupada ou mancomunada, inhabilita os concellos que causasen baixa nestas entidades para poder solicitar os mesmos equipamentos, salvo que documentasen mediante unha declaración ou certificación a súa saída da entidade e o destino do equipamento cedido.

Por outra banda, a entidade de concellos mancomunada ou agrupada de nova creación non poderá solicitar o equipamento que nos últimos cinco anos recibise por separado cada un dos concellos que conforman a citada entidade.

Importe

A actuación que se desenvolverá ten natureza de subvención en especie, e o equipamento que se vai ceder distribuirase nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 16 vehículos todoterreo tipo pick-up.

Liña 2: 21 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 29 tendas de campaña para emerxencias.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: