SUBVENCIÓNS NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS PARA A CONTRATACIÓN DE AXENTES DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL. PRAZO: 23-09-2016

Data: 

mércores, 24 Agosto, 2016 (Todo o día) a venres, 23 Setembro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria 

ORDE do 5 de agosto de 2016 pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2016. BDNS (Identif.): 314965.

Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no ámbito local.

2. As aplicacións orzamentarias e os créditos destinados ás axudas e subvencións establecidas na presente convocatoria serán os que establece a Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, na aplicación 09.41.322A.460.1 (código de proxecto 2015 00 490) e polo importe de 2.200.000 €.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2011-2015 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta, en coherencia cos programas Impulsa de Lugo e Ourense, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía da subvención e período subvencionable

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2015 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Economía, Emprego e Industria:

a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.

b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 inferior a 500 persoas desempregadas.

c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias que teñan unha media de paro rexistrado no ano 2015 inferior a 500 persoas desempregadas, pero a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes, ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos.

2. A subvención prevista no punto anterior concederase por un período dun ano e será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

3. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1581.07 MB
PDF icon DOG Nº. 158 - EXTRACTO416.04 KB