SUBVENCIÓNS A ENTIDADES LOCAIS DE GALICIA PARA A MELLORA DO EQUIPAMENTO DOS CENTROS DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES (CIM). PRAZO: 10-08-2015

Data: 

sábado, 11 Xullo, 2015 (Todo o día) a luns, 10 Agosto, 2015 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para a mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 182/2004, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e se procede á súa convocatoria no ano 2015.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2015 de subvencións dirixidas a entidades locais de Galicia para a mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento.

2. Para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, debe ter cumprido o requisito da remisión das contas xerais do exercicio 2013 ao Consello de Contas de Galicia e ter presentada a memoria de funcionamento anual do CIM correspondente ao ano 2014 ante a Secretaría Xeral da Igualdade,

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Axudas para o equipamento dos CIM

1. Serán subvencionables a realización de investimentos nos CIM para a adquisición de equipamento informático (ordenadores, monitores, impresoras e similares), para a adquisición de equipamento de oficina (fotocopiadora, fax e similares) e mobiliario (mesas, cadeiras e similares).

Non serán subvencionables os gastos de material para o normal funcionamento dos equipamentos informáticos, ofimáticos, transmisión e outros, a adquisición de soportes e memorias externas e de gravación en xeral, os paquetes estándar de software e similares.

2. O orzamento máximo que unha entidade pode presentar para optar a esta axuda é de 36.000 €, para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a solicitante para que reaxuste o orzamento.

3. Só serán subvencionables os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro de 2015 ata o 30 outubro de 2015.

4. A contía máxima da subvención por entidade beneficiaria será de 9.000 € cando se trate dun CIM con xestión individualizada e de 18.000 € cando se trate dun CIM con xestión compartida para a prestación do servizo en varios concellos, segundo os datos que constan nos expedientes do programa de apoio aos centros de información ás mulleres tramitados ao abeiro da convocatoria de 2014, aprobada por Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 30 de abril de 2014 (DOG núm. 86, do 7 de maio), e sempre que se faga constar no modelo de solicitude que se mantén a xestión compartida.

5. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feder, en ningún caso serán subvencionables os gastos que reúnan algunha das seguintes características: ser bens funxibles, non seren susceptibles de inclusión en inventario, seren gastos previsiblemente reiterativos e outros relacionados na normativa como non subvencionables.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 10 de agosto de 2015.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1291.14 MB