SUBVENCIÓNS ÁS ENTIDADES LOCAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA A PROMOCIÓN DA IGUALDADE. PRAZO: 22-02-2018

Data: 

martes, 23 Xaneiro, 2018 (Todo o día) a xoves, 22 Febreiro, 2018 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Resolución do 29 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (SI435B, SI435A, SI427B). BDNS (Identif.): 381319.

Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e promover o desenvolvemento de medidas e actuacións para a promoción da igualdade no ámbito local, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a través deste programa fináncianse as medidas, accións ou programas de conciliación que teñan como obxectivo fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares, así como bancos de tempo creados co mesmo fin (SI435B).

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero: a través deste programa fináncianse actuacións orientadas a mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero, así como as dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular (SI435A).

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a través deste programa fináncianse os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que prestan servizo no CIM, en relación coas tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade (SI427B).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Importe

As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a contía máxima da axuda será de 12.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 22.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 10.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 20.000 euros no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a contía máxima da axuda será de 45.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns douscentos corenta e oito mil seiscentos once euros con noventa e oito céntimos (4.248.611,98 €), financiado nun 80 % con cargo ao FSE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e nun 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: